Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Lubicán 2015

24 / 02 / 15
Categoría: Lubicán 2015
Enviado por: webmaster

18 DE XUÑO DE 2015

CASA DO SABER ás 20.30 horas

 

CLAVE DE FADO

en concerto

CLAVE DE FADO, fundado por Iria Estévez, Gonzo Piña e Pepe Piña, naceu a finais do 2009 como grupo de versións. O proxecto, deseñado pola súa vocalista, Iria Estévez, estaba orientado orixinalmente, á creación de versións de grandes temas da música galega e portuguesa partindo do fado, aportando unha visión nova sobre a música portuguesa por excelencia, o fado.

O proxecto foi medrando, incluíndo outros estilos musicais, ampliando repertorio e conseguindo así un bo diálogo entre diferentes estilos, todos de moi diversa orixe, pero coa lusofonía como motor principal.

Con estes obxectivos claros e unha sonoridade moi particular, Clave de fado consegue concerto, tras concerto, atrae-la atención do público, un público cada vez máis numeroso. Acadando un éxito tras outro nas súas presentacións, Clave de Fado comeza a compoñer temas propios, dándose a coñecer no mundo da cultura galega. Pasan os anos e o grupo, animado pola gran resposta que está a ter a tódolos niveis, decide dar un paso máis e a principios do 2014 únese ao a eles un novo membro, Paco Dicenta, un recoñecido músico multidisciplinar, que aportará a Clave de fado a sabedoría dun músico consagrado e cun gusto exquisito. Coa formación ben consolidada, catro anos de andadura e moitísimas ganas de medrar, Clave de fado proponse e consegue un reto importante : gravar o seu primeiro disco, un disco completo, composto de versións de grandes temas da música galega e portuguesa e temas propios ( fados galegos, bossas fadeiras, cantiga galega afadistada...) ,para o que contaron ademais coa participación de Uxía Senlle, Isaac Garabatos, Sapoconcho, David Outumuro e Dani López. Trala gravación do disco, un dos co-fundadores, Pepe Piña, decide deixa-la formación para dedicarse ao seu proxecto persoal, e pasa a formar parte do grupo o recoñecido compositor e guitarrista Isaac Garabatos, que co seu estilo virtuoso e moi actual, contribúe a lograr o obxectivo do grupo: conseguir un son propio, único.

Clave de fado actualmente está a recibir moi boas críticas, referidas tanto aos seus directos como ao seu disco, “Xanelas”.

Iria Estévez é a vocalista e alma de Clave de Fado. Iria atrévese con bossa-nova, fado, cantiga galega,e moi diversos estilos musicais, que co seu timbre único e delicado, unha voz con carácter e personalidade,e unha execución chea de expresividade e matices acertados, sen dúbida, namora ós que a escoitan.

 

Paco Dicenta ao contrabaixo, un músico completo que conta con máis de 20 anos de experiencia sobre os escenarios como baixista, contrabaixista e percusionista, traballando con bandas e artistas como Lara Bello, Abe Rábade, Paulo Silva, Berrogüetto, The Crass, Last Minute Experience, Black Night Gospel Choir, Gnomon, Mercedes Peón, X:M Budiño, The Barlanders, Two In The Mirror, Mónica de Nut Trio, Alamanouche, Miñor Swing, etc. Compositor de bandas sonoras para curtos e documentais, é tamén produtor de dous discos de Zé Amil e Samuel Levi e do primeiro de Mónica de Nut Trio.

 

Gonzo Piña á guitarra española ( baixista e guitarrista,músico versátil membro de varios grupos en Galicia ou Barcelona como D'club,Dask,Sonidonia,etc, e compositor para varias obras teatrais para a compañía de SR. Serrano).

 

Isaac Garabatos, coa viola caipira. Con formación no "Ateneo Jazz" (Madrid), onde se diplomou en harmonía contemporánea e música moderna, no "G.I. London" (Londres) e en L´Aula (Barcelona) é un dos músicos e compositores máis versátiles do panorama musical galego. Realizou traballos de composición para diferentes obras de danza contemporánea, teatro, curtametraxes e grupos de Jazz,Fusion, Latin-Jazz, Funk, Folk, Pop, Rock e dance, sendo produtor é musico dos proxectos ISGA Collective, Luavai e Xardín desordenado, entre outros.

Formación:

Iria Estévez: voz

Paco Dicenta: contrabaixo

Isaac Garabatos: viola caipira

Gonzo Piña: guitarra española

 

Enlace Itunes : http://itunes.apple.com/album/id897572887

Página web: http://clavedefado.wix.com/clavedefado

Facebook: https://www.facebook.com/enclavedefado

 

Clave de Fado
 

< ATRÁS

24 / 02 / 15
Categoría: Lubicán 2015
Enviado por: webmaster

4 DE XUÑO 2015

CASA DO SABER ás 20:30 horas

 

Puntada sen fío

presentan A lúa prendeu a luz, o seu primeiro traballo

 

PUNTADA SEN FÍO é un grupo formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo, gaita e frautas). Nace tras o paso dos seus compoñentes por diferentes formacións musicais, como o grupo de percusión Odaiko, Fía na Roca, Os d’Abaixo ou O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía. Amigos e compañeiros dentro e fóra dos escenarios, deciden montar un espectáculo en pequeno formato que lles permita chegar facilmente ó público, baseando o seu repertorio na música tradicional, no folclore e nos nosos máis importantes poetas e poetisas, aportando unha visión e unha sonoridade orixinal, creada en gran medida polos instrumentos que empregan sobre o escenario.

Agora están traballando para sacar á rúa o seu primeiro álbum, A lúa prendeu a luz. O resultado, que se verá materializado neste traballo, son nove temas moi diferentes entre eles, pero cun nexo común: o pasado. Todos eles falan dun ou doutro xeito de cousas que aconteceron hai anos ou de como afrontar o paso do tempo.

Son cantigas baseadas na nosa música tradicional, pero tamén de autor ou mesmo algunha de fóra de Galicia traducida á nosa lingua. Todas elas tratadas cunha sonoridade totalmente diferente á habitual, grazas en grande parte aos instrumentos que utilizan pero, tamén, á man dos grandes músicos Pedro Lamas e Roberto Somoza, que se encargaron dos arranxos.

Juan Collazo nace o 27 de Agosto de 1981, en Merza. Percusionista de dilatada experiencia, comeza tocando na Banda de Música de Merza, remata os estudos no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, pasando polo Real Conservatorio de la Haya, de Holanda. Cunha traxectoria profesional ligada á percusión étnica de raíz, colaborou en festivais como Steve Reich Festival (Holanda), Convención Internacional de Percusión de Taipei, Nancy Zeltsman Festival (EEUU), así como en diferentes proxectos de contemporáneo, en bandas de música, sinfónicas etc. Na actualidade imparte clases no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, actividade que compaxina coa dirección do Curso de percusión “MerzaPercusión”, e formando parte de Odaiko Percussion Group (grupo do que foi cofundador en 2003) e Rastrexos Project entre outros.

Xiana Lastra nace nas Pontes o 12 de novembro de 1983. Comeza a cantar de moi nena no grupo de música infantil “Ledicia”, ó que pertencerá ata os vinte anos. Fixo estudos de piano no Conservatorio de Ferrol e asistiu a clases de canto coa mezzosoprano María Xosé Ladra. Actualmente é vocalista do grupo de percusión Odaiko, ademais de directora e cantante nos proxectos “O meu primeiro Celso Emilio” e “A miña primeira Rosalía”, editados por Xerais nos anos 2012 e 2013. Nos últimos anos, impartiu obradoiros de técnica vocal e prestou a súa voz en varios documentais. É licenciada en Xornalismo e en Comunicación audiovisual e socia da produtora audiovisual Seispés Producións Creativas desde o ano 2012.

Roberto Rama nace o 2 de xuño de 1983, en Calo- Teo. Dende moi novo comeza a súa relación coas bandas, primeiro na Banda de Música da Sociedade Recreativa de San Xoán de Calo como saxofonista e despois na banda de Gaitas “Estivada”, desa mesma Sociedade Recreativa, como gaiteiro, da que tamén foi director entre maio e setembro do 2012. Participa noutras formacións como Os Enxebres de Cacheiras ou Pradairo, no que ademais de instrumentista, tamén é arranxista e compositor. A súa carreira defínese definitivamente coa súa entrada no coñecido grupo Fía na Roca, tocando a gaita, o saxo soprano e os whistles, viaxando por todo o mundo. Son moitos os festivais internacionais nos que participa, como por exemplo o Festival Intercéltico de Lorient ou o Celtic Connections, entroutros. Na actualidade é compoñente do grupo de música medieval Acibreira como gaiteiro e percusionista e gaiteiro e saxofonista na formación Os d’Abaixo, que acaba de sacar o seu primeiro disco gravado en directo este verán en Lorient.

Formación:

Xiana Lastra, voz

Juan Collazo, percusión

Roberto Rama, saxo e gaita

 

https://www.youtube.com/watch?v=4c8APsGcRaM

https://www.facebook.com/puntadasenfio

http://www.verkami.com/locale/gl/projects/11144-primeiro-disco-de-puntada-sen-fio

 

Punta Sen Fío
 

< ATRÁS

24 / 02 / 15
Categoría: Lubicán 2015
Enviado por: webmaster

29 DE ABRIL DE 2015

CASA DO SABER ás 20:30 horas

 

O grupo OS D’ABAIXO presentan

Ao vivo en Lorient

 

Os d’Abaixo apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Santiago de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición. O que pretenden é ofrecer unha escolma de música cargada de forza e enerxía que leve ao baile e á foliada ao xeito de antes. Son un grupo no que se atopa xente que toca por afección e leva toda a vida vencellada ao folclore galego, xunto a músicos profesionais de gran traxectoria en bandas como Berrogüetto ou Fía na Roca.

Os d’Abaixo teñen tocado en diversas festas e festivais de Galiza e tamén fóra dela, en lugares como o Festival de Músicas do Mundo, (maio 2012, Etxarri-Aranaz-Navarra), o festival Le Grand Bal de l’Europe (xullo 2012, Gennetines-Francia) o Festival Intercéltico de Lorient (agosto 2013, Lorient-Bretaña), e o Calan Mai, a festa da primavera celta (maio de 2014, Cardiff-Gales).

Na primavera de 2014 edítase o primeiro disco do grupo Ao vivo en Lorient, que recolle 16 pezas gravadas nos concertos feitos en 2013 nese festival bretón. Actualmente, Os d’Abaixo preparan novo repertorio de cara ao 2015, ano no que agardan seguir levando a súa música por Galiza adiante e máis aló.

Formación:

Xacobe Varela: gaita, bouzouqui e voz

Richi Martín: percusión

Gonzalo Goas: guitarra acústica e voz

Xosé Ramón Vázquez: acordeón

Roberto Rama: gaita e saxo soprano

Quim Farinha: violín

 

www.osdabaixo.com

 

Os Dabaixo
 

< ATRÁS

24 / 02 / 15
Categoría: Lubicán 2015
Enviado por: webmaster

9 DE ABRIL DE 2015

CASA DO SABER ás 20:30 horas

 

GUADI GALEGO

concerto – presentación do seu novo album

lúas de outubro e agosto

Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia, presenta Lúas de outubro e agosto, o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que se publicou en 2009.

A traxectoria musical de Guadi Galego é moi intensa e rica, foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, tamén formou parte como intérprete e compositora dos interesantes proxectos colectivos: Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

Guadi Galego preséntase agora cun son e unha expresión artística máis madura e tamén máis atrevida, máis melódica pero á vez, máis arriscada. Lúas de outubro e agosto contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida vai sorprender.

 

https://www.facebook.com/pages/Guadi-Galego/

http://www.folmusica.com/artista/guadi-galego/

 

Guadi Galego
 

< ATRÁS

24 / 02 / 15
Categoría: Lubicán 2015
Enviado por: webmaster

12 DE MARZO DE 2015

CASA DO SABER ás 20:30 horas

 

Concerto de PANDEIROMUS presentando o seu último traballo: TEÑO DÍAS, primeira entrega da Triloxía “Teño Días, Teño Noites”

Dende sempre, os membros de Pandeiromus, Rafa Iglesias, Afonso Setelo e Topo Vidal, que con Roberto Grandal e Xesús Rodríguez completan o quinteto, sentíronse atraídos pola tradición oral, sobre todo pola que estaba asociada con melodías que engaiolaban o seu ánimo. Así xurdiu o grupo que, dende os seus primeiros pasos en 1992, se dedicou a percorrer Galicia escoitando historias, retendo melodías, cantando cancións e, en definitiva, recollendo a nosa tradición musical. Con todo ese material, foron conformando un amplo repertorio que esmiúzan en cada un dos seus concertos, nos que podemos coñecer o seu talento vocal, mais tamén instrumental. Dese xeito, as súas voces mestúranse co son das gaitas, do tamboril, das pandeiretas, da caixa ou do bombo. Tamén das culleres, das botellas e mesmo da lata de carburo. Ao longo da súa traxectoria, xiraron por Galicia, España e Portugal. A súa discográfica inclúe tres álbums, Conserva (1998), Tolerías (2002) e Teño días (2014) - teñen colaborado en discos das Leilía, de Uxía Senlle ou no Jacobsland, editado co gallo do ano xacobeo 1999.

O disco Teño días supón un paso adiante na traxectoria de Pandeiromus, ”. un grupo cuxa base musical se sustenta no traballo de investigación e na recollida da música tradicional do noso país. Con este proxecto, a banda -a primeira de pandereteiros homes- dan un paso adiante no seu proceso creativo, xa que con este terceiro álbum e tras En conserva e Tolemias o grupo, que se dedicou ao longo da súa traxectoria a recollida da tradición cantada do noso país, achéganos creacións musicais propias para ofrecerlle ao público un novo repertorio que, no seu día, se puido ir coñecendo pouco a pouco dentro do formato Verbena Galega O álbum, primeira entrega da Triloxía Teño Días, Teño Noites, conta coa participación de dous poetas, que crearon senllas letras para que fosen musicadas por Pandeiromus. Xavier Picallo regaloulles o texto da canción que lle pon nome ao disco e Séchu Sende asina a letra de Unha muller e outra muller. Estes temas abren o novo repertorio, arranxado por Pedro González, Vadin Yukinievich e Cristian Silva e interpretado por Roberto Grandal no acordeón, Xesús Rodríguez na percusión e gaitas e polas voces e pandeiretas de Rafael Iglesias, Afonso Sestelo e Topo Vidal.

Formación:

Rafa Iglesias: Voz percusións (pandeireta, caixa, lata, tambor, cunchas, pandeiro, bombo)

Alfonso González: Voz, percusións

Topo Vidal: Voz, percusións, gaita, flauta

Roberto Grandal: Acordeón

Xesús Rodríquez: Percusion, gaita

 

http://www.pandeiromus.com/#_

https://www.youtube.com/watch?v=mogHvxHynT0

https://www.youtube.com/watch?v=dlYzGmGqgr4

 

Pandeiromus
 

< ATRÁS

20 / 02 / 15
Categoría: Lubicán 2015
Enviado por: webmaster

27 DE FEBREIRO DE 2015

CASA DO SABER ás 20:30 horas

 

Emilio Rúa presenta en concerto o seu quinto traballo discográfico: Destino Sur

Emilio Rúa, músico e cantautor ourensán con trinta anos de bagaxe no mundo da música, un artista sensible cunha das voces mais destacadas no panorama musical galego, abre o programa do LUBICÁN 2015 cun concerto - presentación do seu último álbum e quinto da súa carreira discográfica: Destino Sur.

Emilio Rúa Emilio Rúa á guitarra acústica e voz principal, estará acompañado neste concerto polos músicos Marcos P. Saburido coa batería e percusións, Diego Pérez, contrabaixo e coros e Jose Gayoso á guitarra acústica, mandolina e dobro

Destino Sur é un traballo influenciado pola música folk galega e polo country e blues americano, que inclúe temas inéditos en galego e as versións, tamén en galego dos temas “La chica de ayer” (A moza de onte) e “Somewhere over the rainbow” (Nun lugar do Arco da vella)

Na gravación de Destino Sur participaron os músicos Leandro Deltell na batería, Segundo Grandío ao baixo e ás programacións, Jose Gayoso co dobro e a mandolina, Álvaro Lamas co pedal Steel e o propio Emilio Rúa á guitarra acústica, mandolina, piano, harmónica, coros e voz, ademais das colaboracións doutros grandes artistas, como a do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o cantautor leonés Fabián e a eurovisiva Lucía Pérez.

 

Formación:

Emilio Rúa: Guitarra acústica e voz principal

Marcos P. Saburido: Batería e percusións

Diego Pérez: Contrabaixo e coros

Jose Gayoso: Guitarra acústica, mandolina e dobro

 

Emilio Rua Web

Fanpage Emilio Rúa

Facebook Emilio Rúa

 

Emilio Rúa
 

< ATRÁS

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira