Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Lubicán 2014

01 / 04 / 14
Categoría: Lubicán 2014
Enviado por: webmaster
Pitanfona xurde das inquedanzas de Jose Varela e Efraím Díaz por misturar instrumentos dos que case non temos exemplos como conxunto.
A Zanfona é un instrumento cordófono frotado, moi estendido na música europea. Ten un orixe netamente propio do noso continente, con diversas variantes dependendo da época e da localización xeográfica. Nos seus primeiros pasos como instrumentos era coñecido como Organistrum. Aínda que hoxe está moi evolucionado, é un dos instrumentos mais antigos que se continúan a empregar tanto en música folclórica, culta ou contemporánea.
O Pito foi un instrumento de pasatempo pastoril. A súa construción e similar a de unha frauta de bico; a técnica, o rexistro e a articulación da frauta mestúrase coa dixitación, ornamentación e afinación da gaita. É un instrumentos que estivo a piques de desaparecer. Basilio Carril e Paulino Pérez foron os últimos construtores coñecidos que os fabricaban, tradicionalmente en Mi bemol. Seguindo o modelo de Basilio Carril, Antón Corral retomou a súa construción, coa incorporación da tonalidade de Re. O artesán Miguel Mosquera ampliou a tonalidade a Sol e a Do.

Jose Varela nace en Lugo no ano 1972, e comeza os seus estudos musicais con 7 anos, acadando o grado profesional de violín. Comezou a interesarse na música tradicional e folk, o que o levou a estudar diversos instrumentos tradicionais como gaita ou percusión galega. Comezou o estudo da zanfona da man de Oscar Fernández no Conservatorio Folque de Lalín para máis tarde estudar tamén con Anxo Pintos na e-Trad de Vigo. Fixo ademais cursiños de zanfona con xente coma Valentin Clastier, Gilles Chabenat ou Germán Díaz. Como zanfonista, gravou nos discos Nekiño, de Ghaita Depedra ou co grupo Cantatí no seu traballo Mira cómo veño.

Efraím Díaz nace en Lugo en 1980 e aos 8 anos comeza os seus estudos de gaita galega, frauta e percusión galega co seu pai Cándido Díaz baixo a agrupación Zuncurrundullo de Castroverde. Titulado Profesional e Superior de Percusión. Becado pola Fundación Caixa Galicia para gravar o su primeiro disco como percusionista Viaje por Kallaikía en 2008. Ten exercido a súa labor docente en diversas Escolas de Música e en Conservatorios da provincia de Lugo e Coruña. É músico da Banda Municipal e profesor da Escola Municipal de Música de Lugo onde imparte, entre outras materias, pito pastoril.

https://www.facebook.com/pitanfona.duopitopastorilzanfona

CONCERTO Presentación de Pitanfona
(dúo Pito Pastoril-Zanfona)

Introducción    Jose Varela
Siretsi yares Taran/Noubar Noubar    Tradicional Armenia (circa 1430)*
Ecco la Primavera    Francesco Landini (1325-1397)*
Lonxe da Terriña    Juan Montes (1840-1899)*
Muiñeira de Froxán    Tradicional Galega
Stella Splendes    Libre vermell de Monstserrat (1399)*
Tango perpetuo    Erik Satie (1866-1925)
Jaraxó     Jose Varela
Suite nº2 Op27    J.B.Boismortier (1689-1755)
I.Allemande
II.Rondeau
III.Paysane
IV.Menuet I -II
Sansonette    Dominique Forgés
Ai déjame subir     Tradicional Galega*
Andarivel    Ivan Costa
Preludio suite nº1 SolM    J.S.Bach (1684-1750)*
Recercada primera    Diego Ortiz (1510-1570)*
Si bheag si mor    Turlough O'Carolan (1670-1738)*
Cántiga 77 de Santa María    Alfonso X (1221-1284)*
Pasodoble Romántico    Repertorio de Os da Fraga (Ardemil, Ordes)

Arranxos Pitanfona
Excepto*Arranxos. Efraím Díaz

pitanfona.jpg
 

< ATRÁS

07 / 03 / 14
Categoría: Lubicán 2014
Enviado por: webmaster

A Quenlla naceu en 1984,  cuns obxectivos fundamentais, entre outros, continuar no mundo da música e da palabra, logo da primeira experiencia de dous membros, Mini e Mero, con "Fuxan os Ventos". Deste xeito, quixeron crear unha nova agrupación para dinamizar -coma suma de vontades e un xeito específico de facer- a Cultura Galega e, de xeito especial, a canción. Tamén crían que era tempo de facer un replantexamento político do seu traballo porque a situación política tamén mudara. Xa con anterioridade, en abril de 1986, comentaban sentirse insatisfeitos porque Fuxan viña declinando no que a resposta social se refire, polo que a principal diferenza entre A Quenlla e Fuxan está na resposta social do grupo, e o estilo aseméllase ao dos  primeiros tempos de Fuxan.

Desde os seus inicios, A Quenlla puxo unha especial atención na Cultura Tradicional, asumindo como base a memoria colectiva e, como fundamento histórico, recuperala do abandono e do esquecemento, transmitindo unha versión de moitos feitos que poucas veces se contaron. Asumiron así a obriga de non permanecer impasibles nin mudos diante dos feitos e dos acontecementos que suceden ou poidan suceder na nosa Patria, actuando como relatores e cantores dos mesmos. É por iso que moitas veces A Quenlla colle textos de poetas e de escritores para, imprimíndolles musicalidade, devolvelos en forma de canción e de mensaxe que conxugue Palabra e Sentimento Musical do propio creador.
Adoptar unha postura crítica e un compromiso diante dos acontecementos é o que move á A Quenlla, que non canta por cantar, senón que o fai para expresar o seu propio punto de vista.
O seu primeiro traballo, "Os tempos inda non, non son chegados" é un monográfico de pezas onde se abordan os principais problemas que ten Galicia, a través de poemas musicados de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana.

Desde entón, as súas cancións veñen sendo unha mestura de música tradicional recollida directamente por eles mesmos con outra música baseada en textos de autores -homes e mulleres da Palabra- que resisten inflexibles na procura da recuperación da memoria histórica, dos dereitos culturais e da dignidade como Pobo.

A Quenlla actúa fundamentalmente na xeografía galega, pero tamén onde outros galegos con interese polas voces, pola palabra e pola canción independente, os reclaman. Así ten actuado, entre outros sitios, no Conservatorio de Córdoba convidados pola Casa de Galicia e polo Concello da localidade andaluza, en Toledo, Barcelona, Londres, Suiza...
DISCOGRAFÍA:
Son xa 30 anos percorrendo, non só o mundo musical, senón tamén o literario e cultural en xeral. Ademais dos 10 discos editados, A Quenlla dá voz e música a varios vídeos como "A Historia da Lingua Galega", "70 anos de nacionalismo", "Os señores da palabra" e "Luís Pimentel", editados pola produtora Ophiusa, aledando tamén maxistralmente "Manuel María da Terra Cha" e "Fiz Vergara Vilariño", de Citania de Publicacións.

En 1986 sae á luz o seu primeiro traballo: "Os tempos inda non, non son chegados" cun monográfico de Manuel María que abrangue toda a Cara A. Como non era de esperar as letras son unha crítica feroz e directa á situación socio-política do momento e á defensa da terra e da lingua. Incluía tamén poemas de Dario Xohán Cabana, Celso Emilio Ferreiro e incluso creacións propias conxugadas sempre coa música tradicional do país.

Dous anos máis tarde viría "Európolis'88" que, como o nome indica, é unha defensa dos intereses e valores de Galicia, mermados pola entrada de España na entón CEE. Volvemos ter unha mestura de ritmos, tradición e canción de autor.

Recén comezada a década dos noventa, aparece en setembro "Máis alá da néboa", título que fai alusión a un verso do poema de Luís Pimentel "As cunetas" incluído neste traballo e que vén pechar o álbum. Unha vez máis xorden fermosísimos poemas de Luís Seoane, Lorenzo Varela e unha pequena incursión na literatura que nos vincula coas voces e coa música portuguesa con "A Galiza mailo Minho".

En novembro de 1992 xorde "Terra" cunha primeira canción moi intensa en sentimento, nada dun poema de Méndez Ferrín que foi chamada "Quero dicir teu nome". Musicalmente "Terra" é unha novidade, pois coa súa característica ironía e sentido do humor atrevéronse co ritmo de salsa e cumbia sen perder por elo intensidade e calidade musical.

Só un ano máis tarde, e baixo a dirección musical e idea orixinal de Xesús Mato, sae ao mercado "Nadal en galego: Galicia canta ó neno": una recompilación de panxoliñas e cantos de reis recollidas en diversos lugares de Galicia.

"A casa que nunca tivemos", en 1996, sería xa o 6º disco de A Quenlla e supón tamén unha novidade en canto á música e composición. Neste traballo cántanlle á terra "o salouco do noso cantar, breve, amargo e primitivo, mesmo rouco", e que trata de ser "a epopea de Galicia, a epopea dos que padeceron a historia". "A casa que nunca tivemos" é un musical que, na súa primeira parte presenta a Galicia, "unha nai que non ten casa para acochar aos fille que paire", mentres a segunda -cando sexa- será unha explosión de humor e a última, tamén por vir, "unha aposta polo amor ao noso, pola esperanza e polo futuro porque a solución non é chorar nin evadirse". O disco vai alternando cancións, pezas só musicais, e recitados con letras de Marica Campo.

Ademais de dúas cintas de canción infantil galega para a aprendizaxe da música, "Xogando coa música", A Quenlla editou dous CD's recopilatorios dos seus primeiros traballos en casette e vinilo. Así aparecen baixo os títulos de "As nosas cancións. Vol. I" e "As nosas cancións. Vol. II", en 1997 e 1998, respectivamente.

En 1999 e con colaboración da FEGAD (Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente) editan "Namórate da vida". É este disco unha compilación de versos de distintos poetas que evidencian os perigos da droga.

O seu traballo, "Silencios na memoria", saiu ao mercado en 2004. Nun dobre álbum voltan a mesturar poemas propios, alleos e tradición, se ben agora inclúen Cantos de cego por primeira vez. As letras voltan a ser duras e críticas coma nos primeiros tempos e inclúen un poema do poeta castelán Marcos Ana traducido ao galego no que relata a dura experiencia da cadea e a represión franquista. Musicalmente, en "Silencios na memoria" vese unha clara madurez e profesionalidade que viñeron a demostrar que A Quenlla está en constante creación e innovación.

Posteriormente a este disco, xurdiu tamén en 2004 o "Chill Out Celta en Galicia". Baixo a dirección, realización e produción de Alfredo Garrido, "A Quenlla" colabora, entre outros artistas, neste enxeñoso proxecto. Trátase dunha interpretación musical de textos, case todos de Mero -un compoñente do grupo- sobre soportes musicais xa coñecidos de aquí, de Irlanda, Escocia, Gales e Bretaña.

No 2011 saíu a rúa o seu traballo "Os Irmandiños", monográfico de Manuel María no que se lembrará e dignificará a loita dos "Irmandiños".
A comezos do 2014 saíu o seu traballo "30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita" , que se anda a presentar ao público.

E a vez están a gravar un traballo sobre poemas de Xosé Díaz Castro, que verá a luz proximamente.

www.aquenlla.com

 

 

a-quenlla.jpg
 

< ATRÁS

17 / 02 / 14
Categoría: Lubicán 2014
Enviado por: webmaster

Xoán Curiel

Compositor, guitarrista, cantante e actor da Fonsagrada, é un dos valores actuais da música galega, fai pop galego con influencias de world music. As súas cancións agochan sorpresas agradables: instrumentacións cálidas, arranxos atrevidos, influencias da música étnica e letras conectadas co presente.

Na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, participando coma actor, músico, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vinculados á música, o teatro, o teatro infantil e a danza. Proxectos coma o espectáculo infantil A Nena e o Grilo, no que participa coma actor, cantante e músico. Presenta e canta no espectáculo Cores do Atlántico (2010) de Socorro Lira na Illa de San Simón xunto cos artistas Uxía, Margareth Meneçes, Joao Afonso e Socorro Lira. Participa ademais neste ano coa súa canción Rapás, rapás..” no videoxogo Galeoke e canta Gaiteiro de Vainilla no disco Arrolos de Salitre de Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Participa tamén no disco A Minha Embala da cantante angolana Aline Frazão na canción Kamba de Fala.

Publica Nai (2009) o seu primeiro traballo discográfico, no que mestura sons da terra con arranxos arriscados e vanguardistas nunha viaxe musical e sonora chamada de pop-étnico de raíz galega con influencias de ritmos e sons de todo o mundo, e Magnético Zen (2013) o seu último álbum, no que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual.

Ten participado en festivais como Cantos na Maré (Pontevedra), Cantando a Marrodán (Bilbao), Estou Lá (Ourense)... Ven de colaborar en California na gravación do último disco da cantante Kate Targan, e de ganar o Premio da Música Independiente ao Mellor album en galego.

Neste concerto Xoán Curiel estará acompañado polo músico Sergio Tannus

http://www.youtube.com/watch?v=AYPcs4lsrdk

http://www.youtube.com/watch?v=vwK6ToJeNac

http://www.youtube.com/watch?v=b4jDiFuI9II

http://www.youtube.com/watch?v=P8BWSVcdnGE

 

 

Xoán Curiel
 

< ATRÁS

11 / 02 / 14
Categoría: Lubicán 2014
Enviado por: webmaster

Milesios

Nace no ano 2009, do interese común por interpretar música de raíz galega e irlandesa. Desde entón, participan en diversos festivais como Penela Rock, Rabafolc, Festival celta máis pequeno do mundo, San Froilán, Noite Celta de Porcía ou Pardiñas. Actúan tamén en locais de música en directo por toda Galiza; participan no Proxecto Runas do Festival de Ortigueira, no ano 2011, sendo seleccionados para a final con outros 10 grupos e no III Certamen ‘Folk en la Sierra – FIS 2012 figuran entre os 6 finalistas.

En febreiro de 2013 publican o seu primeiro disco, titulado Alén mar que, fiel a traxectoria de milesios, contén obras tradicionais e obras compostas polo grupo. A peza que da nome ao disco, alén mar, é unha das primeiras composicións do grupo e fai referencia a viaxe que os Milesios fixeron hai miles de anos desde as costas de Galiza cara Irlanda. Neste primeiro traballo, o grupo introduce por primeira vez a voz en dúas das catorce pezas que componen o disco. Unha das pezas cantadas constitúe a versión musical dun poema de Darío Xohán Cabana e, para a súa interpretación, Milesios contou coa colaboración especial de Pilocha Martínez. A outra peza cantada e un tema tradicional no que Carolina Vázquez Castro se une as voces que aportan os compoñentes do grupo. A produción de son correu a cargo de Ezequiel Orol, Daniel Diaz Trigo e o responsable das fotografías e o deseño gráfico, mentres Nerea Pallares escribiu evocadores textos para cada un dos temas.

Músicos:

Manuel M ª Veiga, bouzouki, guitarra, mandolina, baixo

Nazaré Guerreiro, pandeireta, voz

Paula Veiga, violín

Xesús Villarino, gaitas, frautas, ocarina, voz

Senén Montero, percusións e voz

Moucheiro, guitarra, bouzouki e voz

http://milesios.blogaliza.org/

 

 

milesios.jpg
 

< ATRÁS

11 / 02 / 14
Categoría: Lubicán 2014
Enviado por: webmaster

Radio Cos

Traxectoria

RADIO COS naceu no ano 2005 na cidade da Coruña da man de Xurxo Fernandes e Quique Peón. Cantantes e percusionistas do grupo, eles son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de trinta anos.

Instrumentos

Voces, pandeireta, bombo, prato turco, sacho, lata, crótalos, maracas, gaita, saxo tenor, dulzaina, acordeón e violino.

Compoñentes do grupo

Quique Peón: Voz, pandeireta, maracas, bombo, crótalos, triángulo.

Xurxo Fernandes: Voz, pandeireta, pandeira, bombo, prato turco, lata.

Nikolay Velikov: Violino.

Xan Pampín: Acordeón.

Pedro Lamas: Gaita, saxo tenor e dulzaina.

 

Descrición do proxecto

Orixe das músicas

Todas as melodías empregadas nas pezas do repertorio do grupo foron directamente recollidas da tradición oral mediante gravacións de campo feitas por toda a xeografía galega por Henrique Peón e Xurxo Fernandes. Por outra banda rescatáronse músicas totalmente esquecidas e revisáronse e puxéronse en valor outras cancións populares que precisamente por estar tan estendidas non teñen un valor recoñecido.

Evolución

“Mesturando a sonoridade máis arcaica con outros elementos tirados da propia tradición, temos unha evolución nacida de modo endóxeno. Noutros casos tamén se utilizan outros sons de raíz, tirados doutras tradicións, que polas súas características fan unha maridaxe perfecta coa nosa música.”

http://www.youtube.com/watch?v=E7exSPzztjE

 

radio-cos.jpg
 

< ATRÁS

11 / 02 / 14
Categoría: Lubicán 2014
Enviado por: webmaster

aCadaCanto canta a Rosalía de Castro en  «a rosa d'Adina »

O pazo de Arretén, a igrexa de Bastavales, Bonaval, o Santuario da Barca, as Fontes de Ortoño ou os regatos de Laiño... Cantar a Rosalía é como regresar á segunda metade do século XIX para inzar de novo eses lugares dos cantares que ela mesma escoitou e que inspiraron esa obra da que se celebran 150 anos de gloria.

A CadaCanto é o proxecto que dou en xuntar a catro grandes da música galega: Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, despois de ter coincidido entre eles en varios proxectos. Participaron en  Nordestinas, Espido, Berrogüetto, Nova Galega de Danza, ... Guillerme e Xabier son membros de Berrogüetto, grupo no que anteriormente cantaba Guadi. Xabier contou con Xosé Lois e con Guillerme no seu "Músicas de Salitre". Guadi e Guillerme son "Espido" e Xabier e Guillerme publicaron xuntos "Arrolos de Salitre". En aCadaCanto conflúen todos os traballos anteriores no seu primeiro proxecto común.
Entre concerto e concerto xurde a oportunidade de render tributo a  Rosalía de Castro no  ano que se celebra o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos". Pola súa parte, "Músicas no Claustro" brinda ao grupo a oportunidade de gravar os temas deste traballo na mesma caledral de Tui.

https://www.youtube.com/watch?v=8GYKVO8ixKQ

A humilde empresa de aCadaCanto, como músicos de hoxe, é perpetuar a palabra de Rosalía precisamente onde reside a Lírica popular, na memoria colectiva. Esa que sabe e ás veces non sabe de quen sabe.

FICHA TÉCNICA
a rosa d'Adina (aCadaCanto, 2013)
Texto: Rosalía de Castro
Músicas: aCadaCanto
Discográfica: Músicas de Salitre

Guadi Galego: voz
Xabier Díaz: voz
Guillerme Fernández: guitarra
Xosé Lois Romero: acordeón

Deseño gráfico: Nébeda Piñeiro
Fotos promocionais: Karlos Abal

Cámara: Fran Naveira, Iago Prada, Karlos Abal
Gravación de audio en directo: Kevi Aragunde

http://www.musicasdesalitre.com
https://www.facebook.com/acadacanto

 

a-cada-canto.jpg
 

< ATRÁS

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira