Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Lubicán 2013

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2013
Enviado por: webmaster

Tras varios anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de países como Brasil, Mozambique, Reino Unido, Portugal, Cabo Verde ou Guinea Bissau, Fran Pérez [NARF] foi construíndo un repertorio que, partindo do galego, foise ampliando grazas ao intercambio con outros creadores deses países, xerando un pequeno ámbito de convivencia entre linguas que nalgúns casos comparten a mesma orixe, e noutros a mesma paixón pola palabra cantada.

 

Poemas e letras, que van dende os grandes poetas, coma o noso Castelao, ou o mozambicano José Craveirinha, pasando polo portugués Luis de Camões, ata outros autores contemporáneos como Xelís de Toro (Galiza), Johnny Lays (UK), ou Sonia Sountuane (Mozambique) conforman o repertorio; ademais doutras pezas escritas polo propio Narf en colaboración con artistas como Manecas Costa (Guinea Bissau) .

 

Neste concerto, de formato intimista, escoitaremos por tanto cantar en galego, en portugués, en linguas de orixe bantú como o shangana ou o machopi, e tamén en inglés escrito nalgún caso por galegos. Todas e cada unha das cancións que compoñen este repertorio teñen unha historia detrás relacionada coa viaxe, co encontro e coa “Lingua Viaxeira”, incansable e curiosa. E todas, tamén, responden á forte identidade dun artista aventureiro pero cun estilo propio xa consolidado e moi persoal.

 

Fran Pérez [NARF] participou en importantes festivais internacionais, como o Mercado Cultural de Salvador da Bahía (Brasil), varias edicións do Festival D´Agosto en Maputo (Mozambique), WOMEX, London City Festival ( UK), BAFIM (Bos Aires, Arxentina), Festival de Mindelo (Cabo Verde) ou Cantos na Maré en Pontevedra. Tamén presentou os seus concertos noutras cidades como São Paulo, Niteroi, Brighton, Varsovia, Newcastle, Barcelona, Lisboa, Ostersund, Katmandú ou Nova Delhi. Recentemente o disco Aló Irmao!, un traballo conxunto co guineano Manecas Costa, acadou o nº 1 das listas da emisora RDP ÁFRICA, que emite para todos os países da lusofonía.

 

franperez-NARF.jpg
 

< ATRÁS

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2013
Enviado por: webmaster

Auditorio Gustavo Freire, 14 de marzo ás 20.30 h
OS MINHOTOS
Concerto de presentación do CD PINGA D´AUGA


OS MINHOTOS

Grupo formado por cinco compoñentes que, ligados á música tradicional e ao traballo nas asociacións culturais, formáronse en conservatorios e escolas de música mantendo, algúns deles, unha estreita relación coa construción de instrumentos. Os Minhotos definen o seu son como o acadado e consolidado por un modo de entender a música tradicional, un xeito propio e definido que conxuga festas, pasacorredoiras, ensaios, estudos e reflexión sobor da música tradicional galega. Os Minhotos é o resultado do aprecio de cinco músicos galegos pola música do seu país, Galiza; sen aditivos tanto na forma coma no fondo.
É un grupo que combina a estética e o gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, mesturando o son das gaitas e a percusión tradicionais co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete; o seu repertorio é variado e alterna a música de autor coa tradicional.
Un total de doce temas compoñen o traballo discográfico que se presenta neste concerto e que pretende ser, segundo o grupo, “unha pinga minhota que contribúe a crear ese inmenso mar das músicas feitas neste país”. Algúns dos temas son arranxos de temas tradicionais pero tamén hai temas de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes de diversas formacións; o CD PINGA D´AUGA contén pezas que foron interpretadas ou creadas por persoas que xogaron un papel transcendental na formación musical dalgúns compoñentes d´Os Minhotos, como é o caso do mestre Enrique Candal ou do avó de Bruno, Ramiro Villamor.

Os compoñentes:

Alberto Castro: gaita, pandeiro, pandeireta, bombo
Bruno Villamor: gaitas (Re, Do, Sol), zanfona, requinta, pandeireta, tamboril
Paula Fernández: acordeón
Vitor Otero: zanfona, gaitas, percusións
Xaneco Tubío: tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas, ferriño

 

os-minhotos.jpg
 

< ATRÁS

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2013
Enviado por: webmaster

As Arpas de Breogán

En directo, Rodrigo Romaní presenta un concerto dedicado ao son da arpa céltica é á súa utilización dentro do folk contemporáneo creado a partir da música tradicional. Temas de composición propia e adaptacións de temas tradicionais e mesmo da música culta compoñen un variado repertorio que engancha pola súa sonoridade e orixinalidade. Primeiramente concibido para dúas arpas, voces, contrabaixo e percusión en formato de cuarteto, presenta outros instrumentos como ocarinas ou guimbardas e elementos de ambientación electrónica, facendo que o público descubra un xeito diferente de aproximarse á faciana musical dunha cultura ibérica de fonda personalidade milenaria.

 

Rodrigo Romaní

Rodrigo Romaní é un músico ben coñecido do publico galego e español, nomeadamente dos máis afeccionados ás músicas de raíz, a través do seu traballo como membro fundador de Milladoiro, con quen percorreu o mundo durante máis de vinte anos, promovendo o uso da arpa céltica na música galega, e colaborando con artistas e orquestras de primeira fila internacional.

Nomes como Bill Whelan (Riverdance), Liam O'Flynn ou orquestras como a English Chamber, a RTE Orquestra ou a Sinfónica de Galicia, teñen solicitado a colaboración de Rodrigo Romaní como solista de arpa céltica para diferentes traballos.

Rodrigo Romaní é ademais produtor das primeiras obras de artistas como Susana Seivane ou Treixadura, compositor premiado con un Goya, un María Casares e outros galardóns, educador fundador da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo onde imparte os cursos superiores de arpa, director da primeira orquestra folk de España, Sondeseu, e divulgador das musicas do mundo a través dos programas da Radio Galega Música.

Gravou unha ducia de discos con Milladoiro, e participou noutras formacións como Lizgairo, obtendo diferentes premios e distincións polas súas gravacións en todo o mundo.

Como solista ten realizado tres traballos discográficos: Albeida (2001), Cantos Caucanos (2003) e As Arpas de Breogán (2012).

 

rodrigo-romani.jpg
 

< ATRÁS

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira