Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Lubicán 2012

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2012
Enviado por: webmaster
Malvela
 
Cancións da terra, mulleres de voz
 
Cantaban nas súas casas, tiñan nos seus corazóns as cantigas das avoas e un día puxéronse a facer festa con elas para achegarnos o seu tesouro musical. Malvela ofrécennos as cancións que veñen da terra. Somos a música que creamos, as cancións que moitas voces interpretaron a través dos tempos, as melodías que nos identifican.

Somos Malvela, música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que elas aprenderon de corrido canda nenas, sigan a facer festa, a ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolar coa súa beleza e o seu ritmo. Malvela son varias xeracións que se xuntan para transmitir o máis rico legado, cantigas interpretadas en celebracións tradicionais que agora elas recuperan para levar aos máis diversos escenarios ou para que soe nas nosas casas a través dos seus discos. O segredo do éxito de Malvela descóbrese ao velas cantar. Cando danzamos cos ritmos que nos transmite este grupo de mulleres que vai desde os máis de oitenta anos da Señora Carmen ata os trinta e pico de Raquel Domínguez, dámonos idea de que a nosa música tradicional non entende de idades, móvenos en todo tempo, forma parte de nós. Cando un grupo de mulleres se anotou no curso sobre cantos populares dirixidos pola cantante Uxía na aldea de Sanguiñeda (Mos), ninguén presaxiaba cal ía ser o resultado. Aquela actividade ía dar na creación de Malvela un divertimento que iría moito máis alá ata gravar discos, montar espectáculos, facer xiras máis alá das nosas fronteiras e sorprender no panorama musical galego. A frescura, a enerxía, o entusiasmo destas mulleres que saen das súas casas para facer festa e o engado das cancións tradicionais están na base do seu éxito. Cunha década de actuacións nas súas costas, Malvela visitou un feixe de escentarios pero son recoñecidas tamén polas súas múltiples aparicións televisivas. Por este medio popularizouse un dos temas do disco “Da miña xanela á túa”, o rabioso “Pirimpimpín” que é a banda sonora da existosa serie Padre Casares e que nada máis soar ten a virtude de facernos mover os pés e as bocas. RAIANAS, o novo traballo discográfico O grupo Malvela sempre tivo unha querencia especial polo repertorio raiano e plasma agora nun disco en directo este afán de irmandade con Portugal e o Miño. Malvela soa mellor 'ao vivo', aí reside a súa esencia e a súa razón de ser. Elas disfrutan do calor do público e están máis 'á vontade', como dirían os nosos veciños portugueses, cantando para a súa xente, bailando, aturuxando e amenizando a festa. O concerto preséntase nunha secuencia que procura diluír as fronteiras xeográficas, temporais e culturais demostrando que temos, galegos e portugueses, unha única orixe común. Todo este legado cultural desenvolve unha viaxe lúdicomusical polo repertorio máis raiano, 'Sete saias', 'Cásate, o prima', a versión de Padre Casares de 'O Pirimpimpín', e 'Voda na Raia', a que mellor representa o espíritu deste disco. Tamén se canta a alentejana 'Gota d'água' e 'Fui colher uma romã'. Magín Blanco compuxo un himno titulado 'Pola rúa de San Pedro' e Ana Senlle a 'Cantiga do Apalpador'. No disco colaboran Carlos Blanco, Uxía, a poeta mosense María Magdalena, Nuria Freiría e Oli Xiráldez. EAU DE MALVELA (Carlos Blanco) Gosto de Malvela, da flor da malvela, do arrecendo da malvela. É un arrecendo a limpo, a casa feita, a comida rica. Gosto do nome Malvela, nome de illa mítica, de arquipélago; o Arquipélago das Malvela, no mar de Mos. Para mariñeiros, Mos; para mariñeiras, vós. Gosto das Illas Malvela, cheas de verde, de nenas e nenos correndo, xogando; roupa a clareo. Deberíades crear a vosa liña de perfume: “Eau de Malvela”, que na tele dirían “Eau de Malvelá”; cun toque a fiúncho, e outro a cravo mesmo, o cravo portugués, verde e vermello. Sede vós mesmas esta noite, Malvela, vós mesmas, disfrutade, aprendédenos a vivir, a botarlle Malvela á vida, á boa vida, a “vida Malvela”. Dicide todas e todos comigo: viva Malvela! Raianas!

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2012
Enviado por: webmaster
Cats and Monkeys
 
O “Groove” e a musicalidade son o vínculo de unión deste grupo lugués, onde o Funk, en todas as súas variantes posibles, é o motor dun gran show onde bailar convírtese en prioridade de todos os espectadores.
 
Cats and Monkeys reúne a músicos procedentes de diversas formacións como: Ocean's Garden, The Groovefathers, Ten Jazz Men, Color Café, ou Mr. Feelgood Soul Band, entre outros. 
 
No seu directo de impactante calidade mostran as súas influencias: Maceo Parker, Average White Band, Incognito, Wild Cherry, Stevie Wonder, Funky Brotherhood, St. Germain, Lyn Collins... Destaca a súa participación na “Rede Galega de música ao vivo” xirando por toda a xeografía galega e o Sanfroidance entre outros. Recentemente foron seleccionados entre outras oito bandas galegas para participar no programa da Tvg2 “Enrede” “Language Jointly” é a súa primeira demo, unha selección de Funk de todos os tempos Formación: ADRIÁN CASTIÑEIRA: Teclados ADRIÁN LAGE: Trompeta BORJA GARCÍA: Batería IVÁN REIJA: Guitarra JAVI FERNÁNDEZ: Saxo tenor NO GONZÁLEZ: Voz e frauta NUNO ANDRÉ: Percusión ÓSCAR LIZ: Baixo SAULO SAUSE: Guitarra TOÑO OTERO: Saxo tenor
04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2012
Enviado por: webmaster
Lobalú
 
Presentando o seu novo disco HAIKUS
Un proxecto de Najla Shami e Héctor Lorenzo
 
Haikus nace arrolado pola primavera: botou flor de vagariño, cos aloumiños dunha ducia e media de músicos e amigos e converteuse nun paseo 
polas catro estacións o ano enfeitado pola música e a poesía.
Sen as moras regulamentarias mais coa métrica da alma, cada composición atesoura un anaquiño da musicalidade e sensibilidade dos que a conforman. O agasallo da súa impronta fai de cada un deles Haijins, creadores deste espazo e catalizadores dun proceso que tivo a súa orixe na sinxeleza dunha guitarra e unha voz. Este é o resultado: Tres cancións para cada estación, unha para cada mes do ano, de marzo a febreiro, do froito da cerdeira ó tempo de inverno, o que nos leva a chegares descalzos ós momentos importantes da vida e a vivilos coa beleza núa do Haiku. Haikus, editado en maio de 2011, é a estrea de LOBALÚ baixo o selo Inquedanzas Sonoras. Un traballo feito con moito meco, gravado en ABRIGUEIRO ESTUDIOS (Friol) por Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro e no que participaron tamén no deseño, fotografía e estilismo Náder Shami e Laila Shami. En Haikus, Najla e Héctor acompáñanse de grandes músicos e amigos. Así, atopamos as colaboracións de Guillerme Fernández (Berrogüetto, Espido) e de Quim Farinha (Berrogüetto, Talabarte) nas guitarras e as cordas do violín e viola; Sérgio Tannus, multinstrumentista brasileiro, no cavaquinho, mandolina e guitarra; Álvaro Vieito e Michel González, dous guitarristas que afondan no jazz -este último afincado en Miami e que tamén traballou activamente nos arranxos do disco; Pedro Pascual (Marful, Talabarte), que deixou a súa sensibilidade a través do acordeón, accordina e percusións; ao contrabaixo Alfonso Calvo; nas percusións Ángel Sanluis Tejado e Roi Adrio e na batería Miguel Queixas (Nova Galega de Danza, Banda Crebinsky). O proxecto nace da confluencia creativa que xurde entre Héctor Lorenzo e Najla Shami, un dúo cunha ampla bagaxe e que leva case oito anos de traballo conxunto. As composicións, de grande sonoridade, navegan entre a música brasileira, o jazz e a música galega, cun toque moi persoal e cheo de cor. BANDA: NAJLA SHAMI : Voz e coros HÉCTOR LORENZO : Guitarra rítmica CARLOS CALVIÑO : Guitarra solista ALFONSO CALVO: baixo / Contrabaixo MIGUEL QUEIXAS: batería
04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2012
Enviado por: webmaster
Talabarte
 
Un novo concepto de formación  en Galicia, estritamente acústico e baseado na música tradicional.
 
Neste proxecto únense tres músicos independentes dentro da escena musical galega, o violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García. Xuntos propoñen unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes. O repertorio complétase con composicións propias. Todo isto aliñado con distintos enfoques estéticos que van desde a linguaxe do jazz pasando polo tango ata a  tradición musical europea. 

Provintes de bandas como Berrogüetto, Marful, ou Susana Seivane Grupo, contemporaneidade e tradición xuntas nun concerto diferente, sen deixar de mover os pés nin deixar indiferentes aos sentidos.

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2012
Enviado por: webmaster

Vaamonde, Lamas & Romero

O tambor de prata


O trío máis retranqueiro da música galega renóvase e preséntanos a súa nova proposta escénica, acompañada de novo disco: O tambor de prata. Un repertorio composto exclusivamente por temas dunha única formación da historia de Galicia: Os Trintas de Trives.

 

Como xa nos teñen acostumados, Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, ofrécennos a súa particular visión cómica e desprexuizada deste cuarteto, que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras e cuxa traxectoria é un cúmulo de singularidades, anécdotas e vangardismo. O cosmopolitismo na montaña ourensá.
Vaamonde, Lamas & Romero son boa música e mellor humor. Un bálsamo terapéutico e liberador para estes tempos de crise.

04 / 04 / 13
Categoría: Lubicán 2012
Enviado por: webmaster
Lelía

conSentimento

A finais do 89 decidimos dar a coñecer a música tradicional de Galicia, ao son de pandeiretas e voces, convencidas de que o canto galego, pola súa singularidade e forza, debía ter un espazo propio nos escenarios.

ConSentimento é un homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega. Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza.


Coa inestimable colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, propoñemos neste quinto traballo unha concepción musical acorde a unha nova realidade. Un disco con vocación acústica, no que a guitarra, o acordeón, o contrabaixo e a gaita, abrigan á perfección a beleza do canto tradicional e os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre. O deseño do espectáculo corre por conta doutro dos grandes profesionais da escena galega: Quico Cadaval.

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira