Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Malvela

Malvela
 
Cancións da terra, mulleres de voz
 
Cantaban nas súas casas, tiñan nos seus corazóns as cantigas das avoas e un día puxéronse a facer festa con elas para achegarnos o seu tesouro musical. Malvela ofrécennos as cancións que veñen da terra. Somos a música que creamos, as cancións que moitas voces interpretaron a través dos tempos, as melodías que nos identifican.

Somos Malvela, música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que elas aprenderon de corrido canda nenas, sigan a facer festa, a ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolar coa súa beleza e o seu ritmo. Malvela son varias xeracións que se xuntan para transmitir o máis rico legado, cantigas interpretadas en celebracións tradicionais que agora elas recuperan para levar aos máis diversos escenarios ou para que soe nas nosas casas a través dos seus discos. O segredo do éxito de Malvela descóbrese ao velas cantar. Cando danzamos cos ritmos que nos transmite este grupo de mulleres que vai desde os máis de oitenta anos da Señora Carmen ata os trinta e pico de Raquel Domínguez, dámonos idea de que a nosa música tradicional non entende de idades, móvenos en todo tempo, forma parte de nós. Cando un grupo de mulleres se anotou no curso sobre cantos populares dirixidos pola cantante Uxía na aldea de Sanguiñeda (Mos), ninguén presaxiaba cal ía ser o resultado. Aquela actividade ía dar na creación de Malvela un divertimento que iría moito máis alá ata gravar discos, montar espectáculos, facer xiras máis alá das nosas fronteiras e sorprender no panorama musical galego. A frescura, a enerxía, o entusiasmo destas mulleres que saen das súas casas para facer festa e o engado das cancións tradicionais están na base do seu éxito. Cunha década de actuacións nas súas costas, Malvela visitou un feixe de escentarios pero son recoñecidas tamén polas súas múltiples aparicións televisivas. Por este medio popularizouse un dos temas do disco “Da miña xanela á túa”, o rabioso “Pirimpimpín” que é a banda sonora da existosa serie Padre Casares e que nada máis soar ten a virtude de facernos mover os pés e as bocas. RAIANAS, o novo traballo discográfico O grupo Malvela sempre tivo unha querencia especial polo repertorio raiano e plasma agora nun disco en directo este afán de irmandade con Portugal e o Miño. Malvela soa mellor 'ao vivo', aí reside a súa esencia e a súa razón de ser. Elas disfrutan do calor do público e están máis 'á vontade', como dirían os nosos veciños portugueses, cantando para a súa xente, bailando, aturuxando e amenizando a festa. O concerto preséntase nunha secuencia que procura diluír as fronteiras xeográficas, temporais e culturais demostrando que temos, galegos e portugueses, unha única orixe común. Todo este legado cultural desenvolve unha viaxe lúdicomusical polo repertorio máis raiano, 'Sete saias', 'Cásate, o prima', a versión de Padre Casares de 'O Pirimpimpín', e 'Voda na Raia', a que mellor representa o espíritu deste disco. Tamén se canta a alentejana 'Gota d'água' e 'Fui colher uma romã'. Magín Blanco compuxo un himno titulado 'Pola rúa de San Pedro' e Ana Senlle a 'Cantiga do Apalpador'. No disco colaboran Carlos Blanco, Uxía, a poeta mosense María Magdalena, Nuria Freiría e Oli Xiráldez. EAU DE MALVELA (Carlos Blanco) Gosto de Malvela, da flor da malvela, do arrecendo da malvela. É un arrecendo a limpo, a casa feita, a comida rica. Gosto do nome Malvela, nome de illa mítica, de arquipélago; o Arquipélago das Malvela, no mar de Mos. Para mariñeiros, Mos; para mariñeiras, vós. Gosto das Illas Malvela, cheas de verde, de nenas e nenos correndo, xogando; roupa a clareo. Deberíades crear a vosa liña de perfume: “Eau de Malvela”, que na tele dirían “Eau de Malvelá”; cun toque a fiúncho, e outro a cravo mesmo, o cravo portugués, verde e vermello. Sede vós mesmas esta noite, Malvela, vós mesmas, disfrutade, aprendédenos a vivir, a botarlle Malvela á vida, á boa vida, a “vida Malvela”. Dicide todas e todos comigo: viva Malvela! Raianas!

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira