Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Lobalú

Lobalú
 
Presentando o seu novo disco HAIKUS
Un proxecto de Najla Shami e Héctor Lorenzo
 
Haikus nace arrolado pola primavera: botou flor de vagariño, cos aloumiños dunha ducia e media de músicos e amigos e converteuse nun paseo 
polas catro estacións o ano enfeitado pola música e a poesía.
Sen as moras regulamentarias mais coa métrica da alma, cada composición atesoura un anaquiño da musicalidade e sensibilidade dos que a conforman. O agasallo da súa impronta fai de cada un deles Haijins, creadores deste espazo e catalizadores dun proceso que tivo a súa orixe na sinxeleza dunha guitarra e unha voz. Este é o resultado: Tres cancións para cada estación, unha para cada mes do ano, de marzo a febreiro, do froito da cerdeira ó tempo de inverno, o que nos leva a chegares descalzos ós momentos importantes da vida e a vivilos coa beleza núa do Haiku. Haikus, editado en maio de 2011, é a estrea de LOBALÚ baixo o selo Inquedanzas Sonoras. Un traballo feito con moito meco, gravado en ABRIGUEIRO ESTUDIOS (Friol) por Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro e no que participaron tamén no deseño, fotografía e estilismo Náder Shami e Laila Shami. En Haikus, Najla e Héctor acompáñanse de grandes músicos e amigos. Así, atopamos as colaboracións de Guillerme Fernández (Berrogüetto, Espido) e de Quim Farinha (Berrogüetto, Talabarte) nas guitarras e as cordas do violín e viola; Sérgio Tannus, multinstrumentista brasileiro, no cavaquinho, mandolina e guitarra; Álvaro Vieito e Michel González, dous guitarristas que afondan no jazz -este último afincado en Miami e que tamén traballou activamente nos arranxos do disco; Pedro Pascual (Marful, Talabarte), que deixou a súa sensibilidade a través do acordeón, accordina e percusións; ao contrabaixo Alfonso Calvo; nas percusións Ángel Sanluis Tejado e Roi Adrio e na batería Miguel Queixas (Nova Galega de Danza, Banda Crebinsky). O proxecto nace da confluencia creativa que xurde entre Héctor Lorenzo e Najla Shami, un dúo cunha ampla bagaxe e que leva case oito anos de traballo conxunto. As composicións, de grande sonoridade, navegan entre a música brasileira, o jazz e a música galega, cun toque moi persoal e cheo de cor. BANDA: NAJLA SHAMI : Voz e coros HÉCTOR LORENZO : Guitarra rítmica CARLOS CALVIÑO : Guitarra solista ALFONSO CALVO: baixo / Contrabaixo MIGUEL QUEIXAS: batería

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira