Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

Exposición 20 Maratón Fotográfico do campus

Sala de Exposicións Isaac Díaz Pardo

Pavillón central da Facultade de Veterinaria

Horario: días laborables de 9.00 a 21.00 horas

O certame

Esta iniciativa, que se vén celebrando dende hai vinte anos coa colaboración do Grupo Cinematográfico FONMIÑÁ, configura unha das actividades máis consolidadas e exitosas das promovidas actualmente dende Lugo Cultural. Fotógrafos máis ou menos profesionais ou afeccionados de dentro e fóra da comunidade universitaria participan habitualmente desta iniciativa que os leva a buscar durante unha xornada a imaxe que mellor resuma os temas propostos pola organización.

A vixésima edición do Maratón desenvolveuse durante a xornada do día 30 de setembro sendo o tema proposto LUGO DIVERSO. Baixo esta epígrafe e buscando fomentar a creatividade sen fixar ningún tipo de fronteiras, convidouse ás máis de 60 persoas inscritas neste certame artístico, a tomar olladas ‘diversas’ da capital luguesa, ademais das de temática LIBRE, tal e como se recolle nas bases. Deste xeito, a barreira temporal, establecida en pouco máis de 24 horas, que son as que transcorren desde a entrega de material aos participantes ata o prazo máximo de recepción dos traballos, foi case que o único obstáculo ou norma de obrigado cumprimento.

 

Exposición dos traballos

Na exposición dos traballos presentados a esta vixésima edición do Maratón, figuran todos os galardoados e unha fotografía por cada autor participante No acto de inauguración desta exposición, celebrado o día 26 de novembro de 2014 na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, a Vicedecana da Facultade de Veterinaria, Patricia Fernández Trocóniz e Eduardo Ochoa do grupo Fonmiñá e os representantes de Lugo Cultural: Mario Outeiro, Responsable da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Carmen Basadre Vázquez, Concelleira de Cultura do Concello de Lugo e a Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foron os encargados de facer público o fallo do xurado e de entregarlles os premios, os diplomas e o catálogo aos participantes.

Este catálogo, que se edita en formato dixital, recolle, ademais dos traballos premiados, unha selección representativa das fotografías presentadas ao certame organizadas por temas.

 

Os premiados nesta edición

PREMIO CARLOS VALCÁRCEL á mellor fotografía do tema LUGO DIVERSO

YANA NAGAYTSEVA

por O antigo e o novo

PREMIO á mellor fotografía do tema  LIBRE

JOSÉ MARCELINO SAAVEDRA MARTÍNEZ

por Ascensión

 

ACCÉSIT outorgado polo XURADO correspondente ao tema LIBRE

RAFAEL CORRAL BELLAS

por Apertas infernais

 

Exposición 20 Maratón Fotográfico do campus
Exposición 20 Maratón Fotográfico do campus
 

USC Campus Terra Deputación de Lugo Vicepresidencia Primeira Concello de Lugo