Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

XXIV Festival de Teatro Universitario

Do 13 ao 21 de marzo

 

Un ano máis,  chega a Lugo o Festival de Teatro Universitario, e chega  á súa 24º edición.
Do 13 ao 21 de marzo virán a Lugo as diferentes propostas de teatro universitario de Galicia.
Ourense, Santiago de Compostela, e Lugo presentarán as súas novas producións. Lamentamos este ano a triste nova da desaparición da Aula de Teatro da Coruña.


Ademais, contaremos cun taller formativo e un encontro cunha actriz e directora de primeiro nivel.
Non esquecemos tampouco os microproxectos da compañía independente do campus  Krilajo, e o microproxecto de alumnados lugueses que estudan en escolas de arte dramática. Este ano presentan pezas Cristian Fernández e Raquel Velasco.

OBRAS EN ESCENARIO:

14 de marzo ás 20:30 horas e 19 de marzo ás 21:00 horas

Aula de Teatro da USC - Compañía de Teatro USC - Lugo

WK

Dirección e dramaturxia: Paloma Lugilde

Capacidade limitada

70 min

 Había unha vez un pobre neno que non tiña pai nin nai, todos morreran e xa non quedaba ninguén no mundo. Morreron todos. El foi e deu en chorar día e noite. E como xa non había ninguén na terra quixo ir ao ceo, e a lúa era un anaco de madeira podrecida. Entón foise ao sol e, cando chegou, era un xirasol seco, e cando chegou ás estrelas, estas eran pequenos mosquitos de ouro que estaban prendidos como os prende o  alfaneque no  abruñeiro, e cando quixo volver á terra era unha pota ao revés e estaba completamente só, entón sentou e empezou a chorar. Aínda segue sentado e está completamente só.

 Elenco: Enxhi Toska, Adrián del Rio, Pablo Fernández, Soraya Comba, Elba Fernández, Giovanni Peixoto

 Ficha artística

Luz e son:  Alfredo Sarille

Deseño de espazo escénico: Paloma Lugilde e Óscar Lago

Loxística: Paz Fernández Freire

 

 

20 de marzo ás 20:30 horas

Aula de Teatro da USC - Compañía de Teatro da USC - Santiago de Compostela

 Pasar por Nida

Dirección e dramaturxia: Roberto Salgueiro

 É unha estrada interminable que busca o horizonte, unha recta infinita de asfalto que atravesa o país dun extremo ao outro e que, coma min, parece buscar na distancia un lugar onde chegar.

Elenco: Lara Pouso, Carmen Tomás, Icía Rodríguez, Mar Pérez, Noa Fernández

Ficha artística

Asistencia técnica: RTA

Cartel e programa: Gerardo Fuentes

Textos e posta en escena: Roberto Salgueiro

 

21 de marzo ás 20:30 horas

Aula de Teatro de Ourense Compañía Maricastaña

As ondas das pedras no río

Dirección e dramaturxia: Fernando Dacosta 

A vida de dous xemelgos nun mundo onde non se debe transgredir a historia. Onde non se pode pensar o impensable e onde o impensable, polo tanto, non debe suceder. Un contexto social exacerbado pola miseria económica e moral, que tantas veces van xuntas. Relacións de parella truncadas aquí e na outra parte do mundo que acaban empurrando cara a un final non desexado. O amor maternal, con erros, con brusquidades, onde as pequenas cousas poden facer que bata as ás unha bolboreta negra no noso corazón ou que nos sintamos arroupados no medio dun gran trebón. Unha sociedade dividida en castas. Un amor prohibido onde se pretende aloumiñar ao intocable. Unha muller que non soporta a felicidade dos demais porque non acadou nunca a súa. Un profesional da política que quere medrar aínda que pise pés, xeonllos e cabezas. Emigracións e retornos. Un río para cruzar e internarse na casa da historia. O río como esperanza de vida e como morte axexante. Unha avoa que soporta as dores da familia, que canta fóra de lugar e que cala cando debe falar. O ‘fado’ que nos empurra cara ao abismo, cara á ruptura dos nosos desexos e do noso cranio. A nenez violada e afogada por medo e falta de comunicación. O presente é froito dun pasado marcado na pel e nos espíritos, entrelazado por pequenas cousas, alegrías efémeras, momentos únicos e irrepetibles, como o xiz no encerado ou como as ondas das pedras no río. Ese pasado que volve constantemente á mente dos seres danados ata a loucura, un pasado que pesa no reencontro dos que se despediron sendo nenos e agora son adultos, a lembranza dos feitos que cambiaron para sempre as súas vidas. O libro de Arundhati Roy, O deus das pequenas cousas, soñado en escena por Maricastaña

 Elenco: Caterina Vázquez: Rahel                                                            

Marcos Viturro: Velutha / Baba / Home da limoada         

Silvia Pazo: Amu                                                             

Amada Saa: Mamachi                                                       

Chelo Cortiñas: Bebe                                                             

Paco Daza: Chako / Inspector                                          

Irene Pérez: Pillai / Manifestante / Policía               

Israel Fernández: Esthapen                                                       

Tatiana González: Margaret / Manifestante / Policía                    

Raquel Fernández: Sophie / Manifestante / Policía          

Ficha artística

Iluminación, attrezzo e técnicos en xira: José Manuel Bayón, Rubén Dobaño

Vestiario e complementos: Tegra

Cartel e programa: Pablo Otero

Música: Renata Codda Fons

Axudantes de dirección: Marcos Vázquez e Héctor Martínez

Dramaturxia e escenografía: Fernando Dacosta

-

Actividades complementarias :

MICROPROXECTOS

19 de marzo, ás 19:00 horas

Krilajo Grupo independente da USC – Lugo

Club de lectura

Elenco: Esperanza Castro, Andrea Durán, Carla Baqueiro, Mariña, Mariña Pérez

Texto e dirección: Félix Brixel

Duración: 45 min.

Sinopse: Andrea sofre unha grave crise debido a que a abandona o seu mozo O Portugués. As súas amigas deciden formar un club de lectura onde ler a prensa, porque entenden que Andrea só necesita unhas cantas doses de realidade e noticias fortes para terminar esquecendo ao Portugués. Axiña, Carla e Mariña comezarán a sospeitar de que alí cheira a chamusco, e de quen move os secretos fíos da realidade no club de lectura.

 

Raquel Velasco, da ESAD de Vigo de Galicia, presenta: Búsqueda

 Proposta de traballo, desenvolvido para a materia de Movemento Expresivo.

Sinopse: O baleiro interno, a confluencia de sentimentos de amor e odio que xeran a calma dentro da soidade.

  

Cristian Fernández, da ESAD de Galicia, presenta Introspectiva.

Peza de teatro xestual, iniciada por elementos técnicos vistos na clase.

Sinopse: Como di o título, é un traballo de introspectiva que se mergulla polos lugares máis profundos da súa mente, traducíndoo simultaneamente co seu corpo.

Actividades complementarias e formativas:

13 de marzo ás 20:00 h.

 Ensaio aberto da obra WK, a cargo da Compañía de Teatro da USC – Lugo


15 de marzo ás 12:00 h, e 19 de marzo ás 16:30 h

Funcións escolares de WK, a cargo da Compañía de Teatro da USC – Lugo

 

*A entrada é libre. As entradas da obra WK retiraranse  (máx. 2 por persoa) na Oficina de Cultura sita na Vicerreitoría de Coordinación, o día 9 de marzo de 10:00 a 14:00 h

 

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira