Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

7 de maio

7 de maio.Casa do Saber 20.30 horas

Escoita de obras electroacústicas / JOÁO PEDRO OLIVEIRA
Hydatos (2012)
Hydatos é unha palabra grega que significa "auga". Esta peza inspírase no primeiro versículo do Antigo Testamento (Xéneses Capítulo 1:2) “E o espírito de Deus movíase sobre a superficie das augas”

Mahakala Sadhana (1999)
Esta obra foi encomendada pola “Comissão para as Comemorações dos Descobrimentos Portugueses”. Pretende ser unha reflexión occidental sobre algunhas tradicións musicais das culturas do oriente. Sen pretender establecer unha relación teórica entre ambas as realizacións musicais, a obra é o resultado das imaxes sonoras producidas pola audición da música destas tradicións. Mahakala Sadhana inspírase na tradición musical do Budismo Tibetano. Na práctica Drukpa Kagyu, a Mahakala Chak-she-pa é protectora do Dharma que remove todos os obstáculos permitindo lograr o estado de iluminado.

Et Ignis Involvens (2005-2014)
Obra inspirada na primeira visión do profeta Ezequiel (Ezequiel 1:4), no Antigo Testamento. “et vidi et ecce ventus turbinis veniebat ab aquilone et nubes magna et ignis involvens et splendor in circuitu eius et de medio eius quasi species electri id est de medio ignis” E mirei e vin un gran vento tempestuoso que viña do norte, unha grande nube e un lume envolvente; que espallaba ao seu redor unha luminosidade intensa. No medio había algo que brillaba como o ámbar. O audio desta obra gañou o 1º Prémio no Concurso Metamorphoses 2006 (Bélgica).


CONCERTO / CARLOS SUÁREZ
Antes do concerto o compositor Carlos Suárez realizará unha pequena charla onde falará da evolución do seu traballo estético.

Expoñerá algunhas ideas que conforman a estrutura conceptual do seu discurso, e explicará o papel que esas ideas cumpren como catalizadoras do seu traballo creativo.

ARS POÉTICA.  (Electroacústica e obxetos preparados. )

 “Durante o noso desenvolvemento no útero imos espertando paulatinamente da escuridade e o silencio absoluto do universo ao son da existencia. Despois, ao nacer, iníciase outro proceso que nos esperta do baleiro errático da inconsciencia á resoante lucidez da consciencia. Este proceso é inesgotable e sorprendente, pois sempre é posible un alén para a consciencia. Ao escoitar o noso pasado, descubrimos que cando criamos estar espertos en realidade nos quedaba moito por comprender, tal como vivimos agora mesmo, sabendo que existe outro nivel de consciencia estética por alcanzar. Non obstante, esas posibilidades da conciencia estética son anuladas pola obsesión primitiva de acumular materia, un absurdo desperdicio vital tomando en conta a nosa efémera e única oportunidade no tempo do universo. É responsabilidade do creador asumir un vehemente proceso reflexivo que lle permita interpretar a realidade. Un rumbo que teremos que descubrir loitando por establecer discursos estéticos e epistemolóxicos que xeren conciencia, e que á súa vez non pretendan crear dogmas nin verdades absolutas, senón que pola contra xeren dúbidas e inconformidade en torno á súa veracidade".

Carlos Suárez


 

João Pedro Oliveira (1959) estudiou órgano, composición e arquitectura en Lisboa. Doutorado en Composición pola Universidade de Stony Brook, os seus traballos inclúen unha ópera de cámara, un Requiem, varias obras para orquestra, tres cuartetos de corda, música de cámara, música para instrumentos solistas e música electroacústica. Recibiu numerosos premios nacionais e internacionais, entre eles tres premios no Concurso de Música Electroacústica de Bourges, e o prestixioso Magisterio na mesma competición, o Premio Giga-Hertz, o primeiro premio no concurso Metamorphoses, o primeiro premio no concurso Yamaha-Visiones Sonoras, etc .. É profesor da Universidade Federal de Minas Gerais (Brazil) e da Universidade de Aveiro (Portugal). Publicou varios artigos en revistas nacionais e internacionais, e escribiu un libro sobre a teoría analítica da música do século XX.


 

Carlos Suárez Sánchez. Compositor, etnomusicólogo e percusionista Galego-Venezolano, Celanova 1966.   Mestre compositor polo Conservatorio Superior de Música Simón Bolívar de Caracas (especialidade electroacústica).   Etnomusicólogo polo Instituto Universitario de Estudos Musicais de Caracas.

 

Creou máis de 50 obras acústicas e electroacústicas. Compuxo para danza, teatro, radio, vídeo, instalacións e recitais poéticos. As súas viaxes de investigación por Venezuela e o caribe inícianse en 1989, principalmente ás áreas culturais afroamericana e indíxena no Amazonas, onde realiza gravacións e estudos sobre música e paisaxes sonoras. Ten transcrito máis de 36.000 compases de música tradicional de todo o mundo. Traballou como investigador para FUNDEF “Fundación de etnomusicología e folklore”, e para FINIDE “Fundación internacional de etnomusicología” durante 10 anos. No ano 2006 gaña en Venezuela o premio nacional de cultura polo seu libro “Los chimbángueles de San Benito”. No ano 2003 retorna a Galicia, comezando os seus estudos da paisaxe sonora galega co colectivo escoitar.org.

 

Realizou máis de 60 concertos, presentando as súas composicións en Venezuela (FLM, TTC), Brasil (Música Hoje), Colombia (Sonema), Perú, Chile (Ai-Maako, Tsonami.cl), Arxentina (Tsonami, CCEBA), Uruguai (CCE), Portugal (Binauralmedia, Miso Music, FuturePlace), Italia (Emufest), Austria (Kapu Linz), Francia (Festival de Bourges, Elektrophonie), Alemaña (Centro Cervantes, Field Recordings Festival) México (World Forum for Acoustic Ecology, CCEMX) USA (Flamingo Festival) e España (VigoTransforma, MARCO, In-Sonora, MACUF, Telenoika, Larraskito, JIEM, Arteleku, SONAR, Experimentaclub + LIMb0, Matadero, Zeppelín, VIBRA, Espazos Sonoros, auditorio 400 Museo Reina Sofía, Foro Creativa 2009, LABORAL Centro de arte).

 

As súas conferencias e talleres viran ao redor de temas de electrónica e organoloxía experimental, psicoacústica, fonografía, composición, etnomusicoloxía e paisaxes sonoras.

Carlos Suárez Sánchez
João Pedro Oliveira
 

< ATRÁS

USC Campus Terra Deputación de Lugo Vicepresidencia Primeira Concello de Lugo